share
A Ponte da Ajuda (ou Ajuda em português), mandada construír por D. Manuel a comezos do século XVI para facilitar a conexión e o socorro á praza de Olivenza, hoxe atópase en ruínas. As crecidas do Guadiana e as guerras dos homes castigárono ao longo da súa existencia. O seu construtor foi Martim Lourenço, segundo unha carta de D. Manuel I, que o denomina 'mestre da ponte', quen tamén construíu a que logo foi catedral de Elvas, xemelga da Magdalena de Olivenza ata no menor detalle e a igrexa do convento de S. Francisco de Évora. Con 380 metros de lonxitude total, posuía o arco central de máis ampla luz da súa época. Os seus arcos presentan adovelados en granito, e serán sen dúbida resultado das cimbres do mestre carpinteiro Lourenço Domingues, colaborador antigo de Martim Lourenço. Tamén son construídos neste material os seus tajamares e espolóns. Casi no seu centro conserva aínda os restos dunha torre que defendía o seu paso. Destruiuse por última vez na guerra de sucesión ao trono de España, en 1709, cando o Marqués de Bay, xefe dos exércitos, lle volou os arcos centrais para illar a praza de Olivenza. Aínda se pode adiviñar a súa excelente fábrica, con dovelas de granito nos arcos, e os restos da súa torre. Tras diversos intentos de reconstrución, en 2003 puido restaurarse parcialmente, quedando aínda por recuperar os seus arcos centrais.